Sunday 28 de April de 2024

A Xunta de Goberno aproba a concesión de 43 axudas para o uso de taxi por un total de 15.000 euros


En sesión ordinaria, a Xunta de Goberno local deu o visto bó á resolución definitiva da convocatoria para a concesión de axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo, cunha achega total de 15.000 euros. Tamén aprobou o proxecto para o acondicionamento do aparcadoiro de servizo do parque Eugenio Granell por preto de 132.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobou a concesión de 43 axudas de bonotaxi para outros tantos solicitantes por un importe global de 15.000 euros. Estas axudas están destinadas a persoas empadroadas e residentes no Concello de Santiago, que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles a utilización dos transportes públicos colectivos; a aquelas que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75%; ou ás persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade.

Tamén poden acceder aquelas persoas residentes no rural que padezan algún tipo de discapacidade, aquelas que presenten determinadas doenzas, ou persoas maiores de 65 anos afectadas polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.

As axudas calcúlanse segundo os ingresos da persoa solicitante, e ingrésanse nun pago único. Así, as persoas cun límite de ingresos de ata o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), poderán percibir ata 350 euros. Aquelas que ingresen entre o 150% e o 250% do IPREM anual, poderían solicitar ata 250 euros. E as que os seus ingresos se sitúen entre o 250% e o 300% do IPREM anual terán dereito a un máximo de 150 euros, tamén nun pago único.

O acordo publicarase no taboleiro de edictos do Concello, da Concellaría de Políticas Sociais e Saúde e na páxina web do Concello para os efectos de reclamacións e concederase un prazo de 10 días hábiles, a contar dende o día seguinte á data da publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar as alegacións ou os documentos que consideren convenientes.

Parques e xardíns

O executivo local tamén aprobou dous proxectos da Concellaría de Parques e Xardíns. O primeiro, para o acondicionamento do aparcadoiro de servizo do parque Eugenio Granell cun orzamento de 131.696,97 euros (108.840,47 € + 22.856,50 € de IVE) e un prazo de execución de 2 meses. Co obxecto de dotar a este espazo, sito na marxe da rúa do Restollal, dun novo pavimento e mellorar a súa funcionalidade, o proxecto construtivo prevé a execución dun firme de formigón armado HF-4,0, de tonalidade escura, de 16 cm de espesor, sobre 20 cm de balastro artificial para a súa correcta nivelación, nunha superficie total de 1.360 m².

Tamén, para a reparación e mellora do acceso sur do parque, se prevé a extensión de 12 cm de pavimento terrizo estabilizado, tipo ARIPAQ ou semellante, sobre 15 cm de balastro artificial, nunha superficie total de 539 m², previo baleirado do material existente.

Así mesmo, aprobouse o proxecto básico e de execución da obra de conexión á rede de saneamento e acabados interiores dos vestiarios do servizo de Parques e Xardíns en Lamas de Abade por un orzamento de 48.339,51 euros (39.950,01 € + 8.389,50 € de IVE) e un prazo de execución de 30 días.

Nas actuais instalacións do viveiro municipal do Servizo de Parques e Xardíns atópase unha edificación auxiliar que é utilizada como vestiarios do seu persoal. O obxecto do proxecto é o remate exterior da edificación e realizar os acabados interiores de acordo á normativa técnica vixente. Ademais, dita edificación sitúase nunha cota inferior á rede de saneamento municipal, situada na intersección da rúa da Divina Pastora coa rúa da Raiola, polo que require complementariamente a instalación dun equipo de bombeo de saneamento e a súa conexión mediante unha impulsión á rede existente.

Licenzas

No apartado de licenzas, concéderonse dúas: unha para a parcelación dunha finca sita na rúa As Casas do Rego; e unha segunda para a construción dunha vivenda unifamiliar situada no lugar de Piñeiro, en Santa María de Villestro.

Outros asuntos

Nesta sesión ordinaria tamén se aceptou a subvención da Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Coruña, para a realización do proxecto de Obradoiro de Emprego “INNOBOSQUE”, segundo resolución de 29 de xullo de 2022, por un importe de 503.987,00 euros e 30.000,00 euros para incentivos á contratación. Así mesmo, deuse luz verde á achega do Concello de Santiago en concepto de cofinanciación por importe total de 63.763,72 €.

O obradoiro comezará a desenvolverse o próximo 19 de setembro e dará emprego, durante 12 meses, a 20 persoas desempregadas da cidade maiores de 18 anos. Dez delas formaranse na especialidade de “Repoboación forestal e tratamentos silvícolas” e as outras dez, en “Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos” e en “Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web”.

Este obradoiro ten como obxectivo mellorar a empregabilidade de persoas en situación de desemprego a través da súa cualificación profesional combinada coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.